ESTATUTOS SOCIAIS
CAPITULO I. Da Asociación en xeral.
Artigo 1 . Coa denominación de ASOCIACIÓN CULTURAL CACAREXO , constituíuse esta agrupación cultural e recreativa, o día 03/10/1996, segundo acta fundacional, que foi rexistrada na Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais da Delegación Provincial de Pontevedra con data 07/11/1996, onde quedou inscrita co número provincial: 3962. Esta Asociación se rexerá polos presentes estatutos y baixo ó amparo da Lei Orgánica 1/2002, de 22 de marzo, e normas complementarias, con capacidade tanto xurídica como para obrar, e carecendo de animo de lucro.
Artigo 2 . Esta Asociación constituíuse por tempo indefinido.
Artigo 3 . Son fins principais da asociación:
Desenvolver aquelas actividades encamiñadas a normalización e potenciación do idioma galego
Potenciar e xestionar calquera tipo de actividade cultural ou recreativa.
Promove-la relación e o intercambio entre asociados, así como colaborar con outras asociacións ou entidades no desenvolvemento de actos que teñan carácter cultural ou recreativo.
Revitalizar, recuperar, difundir e promove-las tradicións máis ancestrais sobre a Cultura dos Muíños, ademais de concienciar sobre a importancia do noso Patrimonio Rural.
Apoiar actividades de formación e animación sociocultural, ocio e tempo libre ós mozos, como entidade Prestadora de Servicios a Xuventude.
Fomentar e promover a lectura principalmente de autores e libros en galego.
Sensibilizar sobre a conservación e mantemento do Medio Ambiente e os recursos naturais.
Fomenta-la inserción e igualdade social dos colectivos máis desfavorecidos, tales como, minusvalidos, mulleres, xóvens, terceira idade, etc.
Promover e defender os dereitos humanos.mozos
Divulgación das tradicións musicais de Galicia.
Artigo 4 . Para o cumprimento destes fins realizaranse as seguintes actividades:
Organización de actividades socioculturais/deportivas/lúdicas/etc..
Dinamización dun espacio de encontro para os /as veciños/as do noso ámbito xeográfico.
Organización de cursos, seminarios, conferencias, xornadas, congresos, talleres ocupacionais, obradoiros de emprego,cursos de formación,etc.
Organización das “Xornadas Culturais – Muíño de Fausto- de Coiro”
Elaboración e edición de materiais formativos, revistas, folletos e calquera outro tipo de publicación para a difusión das ideas e promoción da asociación e os seus fins.
Participar na organización e promoción da Escola de Música Tradicional e Banda de Gaitas Tromentelo, e outros grupos folclóricos.
Fomento das relacións de colaboración con institucións públicas, empresas privadas e organizacións non lucrativas que permitan un mellor cumprimento dos fins fundacionais.
Organizar todo tipo de actividades de ocio e tempo libre: Excursións, visitas a museos, exposicións, saídas culturais, e de sendeirismo, xogos populares, teatro, etc.
Calquera outra actividade que a xunta directiva considere axeitada para o cumprimento dos fins da asociación.
Artigo 5 . O domicilio social da Asociación, e mentres non dispoña dunha sede social permanente, será o domicilio do presidente da Asociación, o cal radica no Barrio da Rosada nº 9 –A, 36947 – Coiro (Cangas – Pontevedra). Poderanse empregar outros locais asociativos na parroquia, ou localidade, previo acordo da Xunta Directiva.
Artigo 6 . A Asociación, en función dos seus fins e do emprazamento do seu domicilio social, exercerá fundamentalmente as súas actividades no ámbito do Concello de Cangas do Morrazo (Pontevedra), a excepción das saídas, excursións ou intercambios de tipo cultural/deportivo que poden tomar ámbito nacional ou internacional.
Artigo 7 . Declarase como lingua oficial da Asociación a “Lingua Galega”.
CAPITULO II Dos/Das Asociados/as .
Artigo 8 . Poderán ser integrantes da Asociación, tódalas persoas físicas, (e /ou xurídicas) con plena capacidade de obrar (ou tralo acordo do órgano competente da persoa xurídica), que reúnan os seguintes requisitos e sexan admitidos no seo da Xunta Directiva:
Ter interese no desenvolvemento dos fins da Asociación.
Formaliza-la integración mediante a cobertura do documento de incorporación.
Ser maior de 18 anos, excepto para formar parte do Grupo Xuvenil da Asociación Cultural Cacarexo, e da escola e Banda de Gaitas Tromentelo, que se rexeran polo recollido nos capítulos VI e VII dos presentes estatutos.
Artigo 9 . A condición de asociado/a pérdese por causa de:
Vontade propia, comunicada por escrito a xunta directiva e previo abonamento de tódalas cotas que teña pendente.
Impagamento de tres cotas consecutivas.
Falecemento.
Falla de asistencia consecutiva a Asemblea Xeral Ordinaria por un número de 3 ocasións.
Realización de accións que prexudiquen gravemente os intereses da Asociación.
Expediente disciplinario.
Artigo 10 . A expulsión de persoas asociadas será acordado pola Xunta Directiva, previa audiencia do interesado/a. En todo caso, o acordo de expulsión deberá ser ratificado pola Asemblea Xeral e contra del pódese recorrer diante da xurisdicción ordinaria.
Artigo 11 . A separación temporal dun/dunha asociado/a pódese producir:
- A petición persoal do/da asociado/a por escrito.
- Polo acordo da Xunta Directiva, ben por motivos de ter aberto expediente disciplinario sancionador, ben polo impagamento de cotas, ben por comportamentos que afecten á boa marcha dalgún dos fins da Asociación.
Artigo 12 . No seo da Asociación poden convivi-las seguintes clases de asociados/as:
Socios/as fundadores, que son aqueles que participaron no acto de constitución da Asociación.
Socios/as de número, que serán os que ingresen despois da constitución da Asociación.
Socios/as de honra, que destacan a criterio da Xunta Directiva polo seu prestixio ou por ter contribuído ó desenvolvemento dos fins fundacionais.
Do grupo xuvenil:
Xuvenís, 14 a 30 anos.
Infantís, menores de 14 anos que formen parte do grupo xuvenil. (Estarán representados por pais ou titores).
Socios/as Benefactores, simpatizantes e patrocinadores da Asociación ou dos grupos que a forman.
Artigo 13 .Os/As socios/as de número e fundadores teñen os seguintes dereitos:
- Tomar parte en calquera actividade que a Asociación organice en cumprimento dos seus fins.
- Beneficiarse de tódalas avantaxes que a Asociación poida proporcionar.
- Participar nas Asembleas, con voz e voto.
- Ser elector e/ou elixible para os cargos directivos, sempre que este en pleno uso dos dereitos civís e non estar incurso en motivos de incompatibilidade establecidos na lexislación vixente.
- Recibir información sobre os acordos tomados polos órganos da Asociación, así como sobre a información máis salientable da planificación e do orzamento e as súas respectivas execucións.
- Facer suxestións ós membros da Xunta Directiva en orde a mellora-lo cumprimento dos fin da Asociación.
- Aqueles outros que sexan recollidos na lexislación vixente.
Artigo 14 . Os/As socios/as de número e fundadores teñen as seguintes obrigas:
- Cumpri-los presentes estatutos e os acordos válidos das Asembleas e da Xunta Directiva.
- Prestar cantos servicios determinen os Estatutos, o Regulamento de Réxime Interno e os acordos das Asembleas Xerais.
- Asistir as Asembleas Xerais.
- Desenvolve-las obrigas inherentes ó cargo que se ocupe.
- Satisface-las cotas ordinarias e/ou extraordinarias que se establezan pola Asemblea.
- Observar unha boa conducta cívica.
- Aquelas outras que sexan recollidos na lexislación vixente
Artigo 15 . Os/as socios/as de honra, terán as mesmas obrigas que os/as socios/as fundadores e de número, e a súa participación estará regulado no Regulamento de Réxime Interno.
CAPITULO III. Do funcionamento asociativo.
RÉXIMEN XERAL .
Artigo 16 . A Asociación rexerase segundo os presentes estatutos, sempre que os seus contidos non se opoñan ás leis nin contradigan os principios contidos na Lei Orgánica 1/2002 e o seu desenvolvemento regulamentario. O Regulamento de Réxime Interno desenvolverá os presentes estatutos.
Artigo 17 . O goberno e a representación da Asociación están a cargo dos seguintes órganos:
A Asemblea Xeral, como máximo órgano colexiado de goberno da Asociación.
A Xunta Directiva, como órgano colexiado en quen a Asemblea delega o goberno permanente da Asociación.
Presidente/a, o vicepresidente/a, o secretario/a e o tesoureiro/a, como órganos unipersoais e con funcións de goberno e de representación determinadas polos estatutos.
ASEMBLEA XERAL
Artigo 18 . A Asemblea xeral é o órgano de expresión da vontade da Asociación, estará integrada por tódolos asociados/as con dereito a voto, e tomará os seus acordos polo principio maioritario ou de democracia interna. O Presidente/a e o Secretario da Asemblea serán os mesmos que os da Xunta Directiva.
Artigo 19. A Asemblea reunirase con carácter ordinario como mínimo una vez ó ano, e con carácter extraordinario cantas veces o acorde a Xunta Directiva, o considere o/a presidente/a ou o soliciten o 10% dos/das socios/as. Neste último caso realizarase por medio de escrito dirixido ó Presidente/a, autorizado coas firmas dos solicitantes, no que se expoña o motivo da convocatoria e a orde do día.
Artigo 20. A Asemblea xeral ordinaria reunirase necesariamente dentro dos tres meses seguintes ó peche do exercicio.
Tanto a Asemblea Ordinaria como a Extraordinaria serán convocados con 15 días de antelación polo Presidente/a da Xunta Directiva, enviándose a notificación ó domicilio dos/das asociados/as.
Na convocatoria han de aparecer o lugar, data e hora da xuntanza, así como a orde do día con expresión concreta dos temas a tratar e os anexos que procedan. Tamén ha de sinalarse a hora da segunda convocatoria, que como mínimo terá que separarse media hora da primeira convocatoria.
Artigo 21. Para que as Asembleas poidan tomar acordos, integraranse polos/as asociados/as asistentes, sempre que concorran un tercio do total dos/das asociados/as con dereito a voto na primeira convocatoria ou, pasado o prazo estipulado, con calquera número de asociados/as con dereito a voto en segunda convocatoria.
Artigo 22. Os/As socios/as poderán outorga-la súa representación, ós efectos de asistir ás Asembleas Xerais, en calquera outro/a socio/a. Tal representación outorgarase por escrito, e debera obran en poder so Secretario da Asemblea polo menos media hora antes de celebrarse a sesión.
Artigo 23. Son competencia da Asemblea Xeral Ordinaria:
- Aprobar a acta da reunión anterior.
- Aproba-lo plan de actuación proposto pola Xunta Directiva, así como examinar o e aproba-la Memoria de xestión correspondente.
- Aproba-lo Orzamento proposto pola Xunta Directiva, así como examinar e aproba-los balances e as contas anuais do exercicio anterior.
- Fixa-las cotas ordinarias.
- Aproba-lo Regulamento de Réxime Interno da Asociación.
- Acorda-la remuneración, no seu caso, dos membros dos órganos de representación.
- As demais que resulten dos Estatutos e non estean expresamente atribuídas a Asemblea Xeral Extraordinaria ou a Xunta Directiva.
Artigo 24. Son competencia da Asemblea Xeral Extraordinaria:
- Aproba-la acta da Asemblea Anterior.
- Elixi-los integrantes da Xunta Directiva.
- Fixa-las cotas extraordinarias.
- Aproba-la federación con outras asociacións.
- Modifica-los estatutos da Asociación.
- Disolve-la Asociación e designa-los liquidadores.
- Expulsar a socios/as, a proposta da Xunta Directiva.
- Autoriza-lo alleamento, gravame ou hipoteca de bens sociais.
- Solicita-la declaración de Asociación de Utilidade Pública.
- As que sendo competencia da Asemblea Ordinaria, por razóns de urxencia ou necesidade, non poidan espera-la súa convocatoria sen grave prexuízo para a Asociación.
- Todas as non conferidas expresamente á Asemblea Xeral Ordinaria, ou á Xunta Directiva.
Artigo 25. Os acordos tanto para a Asemblea Ordinaria como Extraordinaria, tomaranse por maioría simple das persoas presentes ou representadas cando os votos afirmativos superen os negativos, non sendo computables os votos en branco nin as abstencións. Sen embargo, será preciso maioría cualificada das persoas presentes ou representadas, que resultará cando os votos afirmativos superen a metade desta, para os apartados comprendidos entre o 2 e ó 8 do artigo 24.
A continuación levaranse os acordos ó libro de Actas e asignara o Presidente/a e o/a secretario/a da Asemblea. A acta deberá ser lida na seguinte sesión celebrada pola Asemblea Xeral e aprobada por maioría simple.
Artigo 26. Os acordos adoptados conforme ós preceptos anteriores obrigarán a tódolos/as socios/as, incluso ós/ás non asistentes.
Artigo 27. Os acordos que vaian en contra destes Estatutos ou dos fins da Asociación poderán se recorridos en reposición diante da Asemblea Xeral. A partir da resolución do recurso de reposición, quedará aberta a vía para recorrer diante da xurisdicción ordinaria.
XUNTA DIRECTIVA .
Artigo 28. A Asociación será xestionada e representada por unha Xunta Directiva formada polos cargos de: Presidente/a, Vicepresidente/a, Secretario/a, Tesoureiro/a e os Vocais que determine a Asemblea Xeral, ata un total de Dez.
Tódalas persoas que compoñan a xunta directiva deberán ser asociadas cunha antigüidade dun ano, tendo presente os dereitos e o cumprimentos das obrigas que establecen os artigos 13 e 14 dos presentes estatutos, así como do contido no artigo 11 da presente Lei Orgánica 1/2002.
Os cargos serán designados e revocados pola Asemblea Xeral Extraordinaria e o seu mandato terá una duración de Catro anos, podendo ser reelixidos o final do seu mandato cantas veces fosen necesarias e de acordo coa vontade da Asemblea.
Dentro da Xunta Directiva, pódense integrar dúas persoas da Xunta Rectora da Banda da Gaitas Tromentelo.
Artigo 29. Os cargos da Xunta Directiva poderán causar baixa por renuncia voluntaria comunicada por escrito á Xunta Directiva, por incumprimento das obrigas que tiveran encomendadas e/ou por expiración do mandato. Neste último caso, continuarán nos seus cargos ata a momento no que se produza a aceptación de quen os substitúan.
Artigo 30. As vacantes que se puideran producir na Xunta Directiva cubriranse provisionalmente por designación da mesma ata que a Asemblea Xeral elixa os novos membros ou conforme nos seus postos ós designados.
Artigo 31. A Xunta Directiva reunirase con carácter ordinario unha vez ó mes e con carácter extraordinario cantas veces o determine o Presidente/a ou a petición de tres dos seus membros.
A convocatoria realizarase como mínimo con tres días de antelación mediante citación persoal na que se recollerá a orde do día. No caso de ausencia inxustificada de calquera membro da Xunta Directiva por tres veces consecutivas procederase á súa destitución.
A Xunta Directiva quedará constituída cando asista a metade máis un dos seus membros e para que os seus acordos sexan válidos deberán ser tomados por maioría de votos. No caso de empate, o voto do/a Presidente/a será de calidade.
Artigo 32. As facultades da Xunta Directiva estenderanse, con carácter xeral, a tódolos actos propios das finalidades da Asociación, sempre que non requiran, segundo estes Estatutos, autorización expresa da Asemblea Xeral. En particular, son facultades da Xunta Directiva:
Dirixilas actividades sociais e leva-la xestión económica e administrativa da Asociación, acordando realizalos oportunos contratos e actos.
Convoca-las Asembleas Xerais e executa-los acordos nela acadados.
Formular e someter á aprobación da Asemblea Xeral o Orzamento do exercicio, así como os Balances e as contas anuais do exercicio pechado.
Resolver sobre a admisión de novos asociados.
Crear comisións de traballo co fin de delegar nelas a preparación de determinados actos ou actividades ou recadar das mesmas as informacións necesarias. O cargo destas Comisións designarase un membro da Xunta Directiva.
Nomear delegados para determinadas actividades da Asociación.
Interpreta-los Estatutos e o Regulamento de Réxime Interno e velar polo seu cumprimento.
Dictar normas de funcionamento non contempladas no Regulamento de Réxime Interno.
Calquera outra facultade que non sexa da exclusiva competencia da Asemblea Xeral de socios.
ÓRGANOS UNIPERSOAIS
Artigo 33. O/A Presidente/a terá as seguintes atribucións:
Ostenta-la dirección da Asociación velando polo cumprimento dos seus fins.
Representar legalmente á Asociación ante toda clase de organismos públicos ou privados.
Convocar, presidir e levanta-las sesións da Asemblea Xeral e da Xunta Directiva, así como dirixi-las deliberacións que nelas se produzan.
Ordenar pagos e autorizar coa súa firma os documentos, actas, certificacións e correspondencia.
Adoptar calquera medida urxente que a boa marcha da Asociación aconselle o no desenrolo das súas actividades resulte necesaria ou convinde, sen prexuízo de dar conta posteriormente á Xunta Directiva.
Artigo 34. O/A Vicepresidente/a asumirá as funcións que nelas delegue o/a Presidente/a, substituíndoo en caso de vacante, ausencia ou enfermidade.
Artigo 35. O/A Secretario/a terá as seguintes atribucións:
Ostenta-la dirección dos traballos administrativos da Asociación.
Custodiar e leva-los libros de actas e de rexistro de socios/as, documentos e selos da asociación.
Estende-las convocatorias e as actas das reunións ademais de expedir certificacións das mesmas co visto bo do Presidente/a.
Comunicación sobre designación de Xuntas Directivas e demais acordos sociais inscribibles ós Rexistros correspondentes, así coma a presentación das contas anuais e o cumprimento das obrigacións documentais nos termos que legalmente correspondan.
A instancia so Secretario, contemplase a posibilidade de nomear un/ou varios Vicesecretarios/as que colaboren co/a titular, e coas atribución que lle asigne a Xunta Directiva.
Artigo 36. O/A Tesoureiro/a terá as seguintes atribucións:
Ostenta-la dirección dos traballos de xestión económica da Asociación.
Custodiar e leva-los libros de contabilidade e os inventarios, así como tódolos documentos económicos necesarios para a elaboración das contas e balances.
Prepara-los Orzamentos, as contas anuais e os balances para a súa presentación diante da Xunta Directiva e da Asemblea Xeral.
Recadar e custodia-los fondos pertencentes á Asociación.
Dar cumprimento ás ordenes de pago que expida o/a Presidente/a.
A instancia do Tesoureiro/a, contémplanse a posibilidade de nomear un/ou varios Vicetesoreiros/as que colaboren co/a titular, e coas atribucións que lle asigne o Xunta Directiva
Artigo 37. Os Vocais terán as obrigas do seu cargo como membros da Xunta Directiva, así coma as que nazan das delegacións ou comisións de traballo ca propia Xunta as encomende.
RÉXIME ECONÓMICO
Artigo 38. A Asociación é unha entidade sen animo de lucro. Os posibles beneficios obtidos como consecuencia das súas actividades económicas, incluídas ás prestacións de servicios, deberán destinarse exclusivamente, o cumprimento dos seus fins.
Artigo 39. O Patrimonio da Asociación coincide co recollido nas contas aprobadas anualmente.
Artigo 40. O Exercicio asociativo e económico será anual e o seu peche terá lugar o 31 de decembro de cada ano.
Artigo 41 . O Orzamento da Asociación será anual, tendo que ser aprobado na Asemblea Xeral Ordinaria de inicio do exercicio. Asemade, a liquidación de orzamento terá que ser presentada na Asemblea Ordinaria inmediatamente posterior ó remate do exercicio.
Artigo 42. Anualmente e con referencia ó último día do exercicio económico de cada ano, practicarase o inventario e balance de situación, que se formalizará nunha memoria e será posta a disposición dos/as socios/as, durante un prazo non inferior a quince días o sinalado para a celebración da Asemblea Xeral Ordinaria, que deberá aprobalo ou censuralo.
Artigo 43. os recursos económicos previstos para o desenvolvemento dos fins e actividades da Asociación serán os seguintes:
As cotas ordinarias dos/das asociados/as, que en ningún caso serán reintegrables.
As cotas extraordinarias que propoña a Xunta Directiva e sexan aprobadas pola Asemblea Extraordinaria.
As doazóns ou subvencións que poidan conceder órganos públicos, entidades privadas ou particulares.
Os ingresos que se poidan recibir polo desenvolvemento das actividades da asociación.
As achegas voluntarias, que se considerarán como prestamos sen xuros, reintegrables nos termos que se pacten.
Calquera outro recurso lícito.
Artigo 44. Para a disposición de fondos das entidades bancarias onde a Asociación teña depositadas os mesmos, deberán ter recoñecidas as firmas, o Presidente/a, o/a Vicepresidente/a, o/a Secretario/a, o/a Tesoureiro/a, para o emprego conxunto delas (Mínimo dúas firmas)
Artigo 45. A disposición dos bens patrimoniais que se aproben regulamentariamente, han de ser aprobados pola Asemblea Xeral.
CAPITULO IV. Do regulamento de Réxime Interno.
Artigo 46. O Regulamento de Réxime Interno, no seu caso, desenvolverá aquelas materias non contempladas directamente nos presentes Estatutos, non podendo ir en ningún caso en contra do estipulado nos mesmos. A súa normativa será aprobada pola Asemblea Xeral.
CAPITULO V. Da modificación de estatutos e Disolución.
Artigo 47. Os presentes estatutos poderán ser modificados a proposta da Xunta Directiva ou un cuarto dos/das asociados/as.
A convocatoria da Asemblea Xeral Extraordinaria terá a modificación dos Estatutos como único punto da orde do día e estará acompañada do texto coas modificacións propostas, abríndose un prazo de 10 días para que calquera socio/a poida dirixir á Xunta Directiva as propostas e emendas que estime oportunas. Estas complementarán a documentación da citada Asemblea e serán postas a disposición cunha antelación mínima de 3 días á realización da mesma.
A aprobación da modificación dos Estatutos acordarase pola maioría cualificada das persoas presentes ou representadas.
Artigo 48. A Asociación disolverase polas seguintes causas:
Pola vontade dos asociados/as acordada pola maioría cualificada das persoas presentes ou representadas.
Por outras causas determinadas legalmente.
Por sentencia xudicial.
Artigo 49. Acordada a disolución, a Asemblea Xeral Extraordinaria designará dous asociados/as liquidadores, que xunto o/a presidente/a e o/a Tesoureiro/a, procederán a efectúa-la liquidación dos bens, pagando débedas, cobrando créditos e fixando o haber líquido resultante.
O haber líquido resultante, unha vez efectuada a liquidación, doarase a outra entidade de carácter non lucrativo, inscrita na Comunidade Autónoma e que teña os mesmos ou similares fins ós desta Asociación.
O xustificante da doazón será presentado no rexistro de Asociacións correspondente para proceder á inscrición da disolución da Asociación.
CAPITULO VI. Do Grupo xuvenil da Asociación.
Artigo 50. Para a mellor consecución dos fins fundacionais a Asociación Cultural poderá fomentar, impulsar, apoiar, auspiciar e promover a creación dun grupo Xuvenil integrado por mozos de 14 a 30 anos. A pertenza a este grupo non outorga a pertenza de pleno dereito a Asociación Cultural Cacarexo.
Artigo 51. Este grupo terá plena autonomía para a organización de calquera tipo de actividade, sempre e cando non vaia en contra dos fins da Asociación.
Artigo 52. Da organización do Grupo Xuvenil:
O órgano de representación do grupo estará formada por una Comisión Rectora, integrada por Oito mozos pertencentes o grupo, e de dous representantes designados pola Xunta Directiva de Cacarexo.
As funcións de representación, capacidade e obra da Comisión Rectora, estarán regulados dentro do regulamento Interno da Asociación Cultural Cacarexo.
Estará formada por un Coordinador/a, un Vicesecretario/a, un Vicetesoureiro/a, e demais vocais, ate un total de 10 membros
Os cargos desta Comisión Rectora, terán una duración de dous anos, podendo ser reelixidos os seus integrantes o finalizar o mandato, previa convocatoria de eleccións dentro do grupo.
Una vez constituída a Comisión Rectora, e nun prazo de Quince días hábiles, e de obrigado cumprimento facilitar una copia da acta de constitución a Xunta Directiva de Cacarexo. Nesta acta de constitución, deben constar os nomes dos elixidos, así como os enderezos físicos, nº do DNI, teléfono, dirección e-mail, etc..
Reuniranse unha vez ó mes como mínimo, ou cando o soliciten Catro integrantes da mesma.
Artigo 53. Do Réxime económico.
Terán un presuposto independente. Anualmente a Asociación Fixará unha cantidade económica para o seu funcionamento. E a súa fonte de recursos será:
As cotas periódicas dos/as socios/as do grupo, que en ningún caso serán reintegrables.
As cotas extraordinarias que acorde a Xunta Directiva a proposta da Comisión Rectora do Grupo.
As doazóns ou subvencións que poidan conceder os órganos públicos, entidades privadas ou particulares.
Os ingresos que se poidan recibir polo desenvolvemento das súas actividades.
Calquera outro recurso lícito.
CAPITULO VII. Da escola e Banda de Gaitas Tromentelo.
Artigo 54. A Asociación Cultural Cacarexo, para unha mellor consecución dos seus fins, acolle no seu seo a Banda de Gaitas “Tromentelo” e a Escola do mesmo nome. As cales se rexerán de acordo cas seguintes normas:
Réxime xeral: Dos/Das Membros/as, Colaboradores/as e do funcionamento interno
Artigo 55. Poderán ser integrantes da Agrupación Tromentelo, (Escola e Banda de Gaitas Tromentelo) tódalas persoas físicas e/ou xurídicas que sexan admitidas no seu seo pola Comisión Rectora da Agrupación, e que reúnan como mínimo os seguintes requisitos:
- Ter interese no desenvolvemento das actividades que organiza Tromentelo.
- Formaliza-la integración mediante a cobertura do documento de incorporación.
Artigo 56.- No seo da Agrupación Tromentelo, poden convivi-las seguintes figuras:
- Membros Numerarios/as ; Serán persoas físicas membros da Banda de Gaitas e que superen os 18 anos de idade.
- Membros xuvenís e infantís: Serán as persoas físicas menores de idade que formen parte da Banda e escola de Gaitas.
- Os Pais/Nais, Titores/as ou Representantes, : As persoas físicas que representan os membros menores de idade, da Escola e Banda de Gaitas Tromentelo.
- Colaboradores/as Benefactores/as : Son as persoas físicas ou xurídicas que fan contribucións económicas con carácter altruísta, e soportan as cotas ordinarias que anualmente fixe a comisión rectora, previa aprobación da Asemblea Xeral dos integrantes da Agrupación Tromentelo.
- Colaboradores/as Asesores/as : Son a persoas que non pertencen os grupos anteriores e que derivado da súa traxectoria de apoio constante a Agrupación, poderán previa valoración da Comisión Rectora y aprobación da Asemblea Xeral a súa integración dentro da Agrupación Tromentelo. As persoas que formen parte desta figura serán maiores de 18 anos, e terán os mesmos dereitos o obrigas que os membros numerarios.
Artigo 57. Os Membros Numerarios/as e Pais, Titores ou Representantes, teñen os seguintes dereitos:
Tomar parte en calquera actividade que organice a Agrupación.
Participar nas xuntanzas xerais, con voz e voto, así como ser elector e/ou elixible para os cargos directivos da Comisión Rectora.
Recibir información sobre os acordos tomados pola Comisión Rectora, así como sobre a información máis salientable da planificación e do orzamento e as súas respectivas execucións.
Facer suxestións os membros da Comisión Rectora en orde a mellora-lo cumprimento dos fins da Agrupación.
Artigo 58. Serán obrigas dos Membros Numerarios/as e Pais, Titores ou Representantes:
- Cumpri-los acordos das Xuntanzas Xerais e da Comisión Rectora.
- Prestar cantos servicios se determinen no Regulamento de Réxime Interno e os acordos das xuntanzas xerais de Tromentelo.
Artigo 59. Os colaboradores Benefactores ou Patrocinadores, teñen os seguintes dereitos:
- Asistir as Xuntanzas Xerais e comisións informativas, pero non teñen nin voz nin voto
- Entregaráselles unha tarxeta identificativa que como tales os recoñeza.
- Poderán asistir a calquera dos Concertos ou Festivais que a Banda organice como invitados de honra.
Artigo 60. Calquera das figuras que forman parte da Agrupación Tromentelo, segundo establece o artigo nº 56, non outorga a pertenza como socio/a da Asociación Cultural Cacarexo.
Artigo 61 . As Xuntanzas de carácter Xeral da Agrupación Tromentelo, son o órgano de expresión e vontade de todos os seus membros, pais/nais, titores/as e representantes con dereito a voto, e funcionará polo principio de participación maioritario ou de democracia interna. Obrigatoriamente deberan xuntarse de forma ordinaria una vez o ano, e de forma extraordinaria, tantas veces como a convoque a Comisión Rectora. O Secretario da Asemblea Xeral será o mesmo que o da Comisión Rectora
Artigo 62. Os acordos das Xuntanzas xerais e extraordinarias da Agrupación Tromentelo, tomaranse por maioría cualificada das persoas presentes ou representadas, e os mesmos non poderán ir en contra destes Estatutos ou dos fins que promove a Asociación. Os acordos poden ser recorridos en reposición ante a Xunta Directiva da Asociación, os cales trasladaran a Asemblea Xeral para a súa resolución.
Artigo 63. Da organización do Grupo :
- O funcionamento da Agrupación Tromentelo será autónomo do funcionamento da Asociación Cultural. Para unha mellor organización e administración da Agrupación, establecese a creación dunha Comisión Rectora, que estará integrada por Trece persoas; Seis membros numerarios, cinco Pais/Nais Titores/as ou Representantes e dous membros designados pola Xunta Directiva de Cacarexo .
- Os Seis Membros Numerarios serán elixidos polos electores do censo de Membros Numerarios.
- Os Cinco Pais/Nais, Titores/as ou Representantes, serán elixidos polos electores do censo que compoñan esta figura.
- Una vez celebradas as eleccións no seo da Agrupación, constituírase coa totalidade dos seus membros a Comisión Rectora, nunha primeira Xunta ou Asemblea constituinte, onde saldaran elixidos os cargos unipersoais, formados por un Coordinador/a Xeral, un Delegado/a de Secretario/a, un Delegado/a da Tesoureira, e demais vocais, ate un total de 13 membros
- Os cargos desta Comisión Rectora, terán una duración de dous anos, podendo ser reelixidos os seus integrantes o finalizar o mandato, previa convocatoria de eleccións dentro do grupo.
- Una vez constituída a Comisión Rectora, e nun prazo de Quince días hábiles, e de obrigado cumprimento facilitar una copia da acta de constitución a Xunta Directiva de Cacarexo. Nesta acta de constitución, deben constar os nomes dos elixidos, así como os enderezos físicos, nº do DNI, teléfono, dirección e-mail, etc..
- Os acordos da Comisión Rectora adoptaranse por maioría simple das persoas presentes ou representadas, cando os votos afirmativos superen os negativos; No obstante, requiriran maioría cualificada das persoas presentes ou representadas, que resultara cando os votos afirmativos superen a metade do total de votos, para as propostas relativas a separación da asociación, normas de réxime interno, e remuneración dos cargos retribuídos da escola e a banda; que deberan ser referendados por la Asemblea Xeral da Agrupación Tromentelo; sendo obriga do Delegado/a do Secretario/a levantar acta de tódalas sesións.
- As funcións de representación, capacidade de obra da Comisión Rectora, estarán regulados dentro do regulamento Interno da Asociación Cultural Cacarexo, onde se habilitara un apartado especial para o desenrolo interno da Banda.
Artigo 64. Das obrigacións documentais e contables.
Tromentelo ha de dispor dunha relación actualizada dos seus membros, e das distintas figuras que compoñen o seu grupo, levar una contabilidade que permita obter una imaxe fiel dos seus recursos, dos resultados e da súa situación financeira, así como das actividades realizadas, efectuar un inventario dos bens e recoller nun libro as actas das reunións dos órganos de goberno e representación. Una vez pechado o exercicio económico, debera presentar para a súa aprobación, un balance e os orzamentos cara a próxima anualidade a Xunta Directiva da Asociación.
Réxime Económico.
Artigo 65 . Terán un presuposto independente. Anualmente a Asociación Fixará unha cantidade económica para o seu funcionamento. E a súa fonte de recursos será:
- As cotas periódicas dos/as membros/as e dos Colaboradores/as-Promotores/as do grupo, que en ningún caso serán reintegrables.
- As cotas extraordinarias que acorde a Comisión Rectora e sexan aprobadas pola Asemblea Xeral da Agrupación Tromentelo.
- As doazóns ou subvencións que poidan conceder os órganos públicos, entidades privadas ou particulares.
- Os ingresos que se poidan recibir polo desenvolvemento das súas actividades.
- Calquera outro recurso lícito.
Artigo 66 . Para a disposición de efectivo e poder de obra da Comisión Rectora, habilítase unha conta bancaria a nome de Cacarexo, onde deben estar recoñecidas as firmas de: Presidente/a e Tesoureiro/a de Cacarexo, e do Coordinador/a Xeral e Delegado/a a Tesourería de Tromentelo, para uso mancomunado e emprego conxunto delas.
A xunta Directiva de Cacarexo, non porá dispor dos fondos económicos da Agrupación Tromentelo, sen a autorización previa da Asemblea Xeral da Agrupación, ou no seu defecto e por urxencia xustificada da Comisión Rectora da Agrupación Tromentelo.
Réxime Interno .
Artigo 67. O funcionamento interno, competencias, atribucións e poder de obra da Comisión Rectora de Tromentelo será desenrolado e recollido no manual de réxime interno, que deberá ser aprobado en Asemblea Xeral da Asociación.
Disposición final .
Artigo 68. As Comisións Rectoras da Agrupación Xuvenil, como de Tromentelo, estarán sometidas o principio de corresponsabilidade e solidariedade Civil e administrativa, que recolle o articulo 15 da Lei Orgánica 1/2002, reguladora do dereito de Asociación.
Coiro, Cangas a Sete de Maio de 2004.
|